En Muxía, se queres podes

 

O proxecto En Muxía, se queres podes  ofreceunos a posibilidade de colaborar cun montón de xente da que aprendimos unha chea de cousas. Empezando polos nenos e nenas de Muxía, cos que disfrutamos das tardes dos xoves e venres dende novembro de 2013 ata xaneiro de 2014.   A encargada de levar adiante o programa foi Palmira Castro de Mimadriña.com. Ademais contamos coa colaboración de Guillermo Cordeiro e os Alex cos que o pasamos xenial xogando coas placas de ARDUINO,  ás que lles colocamos unhas rodas feitas na impresora 3D, luces e incluso bluetooth, e acabamos convertindo en auténticos robots!

Tamén nos visitou Rafa Gaioso, o presidente de MeLISA, con quen fixemos un obradoiro de SCRATCH, que é un programa de software libre para nenos e nenas que lles permite introducirse nos  rudimentos da programación mentras xogan. SCRATCH foi deseñado polo MIT Media Lab,  por un equipo dirixido polo noso admirado Mitchel Resnick. Concordamos totalmente coa súa idea de cómo as novas tecnoloxías poden axudarnos a aprender a pensar  creativamente, a razoar e a traballar de xeito colaborativo.