Proceso de creación colectiva no Local de Música da Eurocidade Chaves-Verín: posta en valor do local de ensaio
O proxecto Eurocidade Chaves-Verín nace co obxectivo de crear liñas de cooperación transfronteiriza para impulsar o desenvolvemento rexional e mellorar a calidade de vida dos seus habitantes. O proxecto inclúe como socios á Deputación de Ourense, o Concello de Verín, a Cámara Municipal de Chaves, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta, o Eixo Atlántico e o Instituto Portugués da Xuventude.
Dentro desta iniciativa destaca a creación e posta en funcionamento do Local de Ensaio, espazo que facilita que mozos e mozas de Galicia e Portugal, afeccionados ou semiprofesionais no eido musical, poidan ensaiar e incluso gravar as súas creacións cuns medios e instalacións axeitados.
Era vontade das institucións xestoras e impulsoras deste proxecto que o Local de Ensaio conte co mellor funcionamento e cumpra cun obxectivo primordial: ser de utilidade para os seus usuarios, ofrecendo servizos de calidade e contribuindo a un achegamento cultural entre os mozos e mozas das vilas limítrofes de Chaves e Verín.
O proxecto foi artellado en base ás seguintes accións:
- Creación dunha imaxe gráfica atrativa para o local: deseño gráfico e logotipo para cartelería, folletos…
- Creación dun espazo web como escaparate do local de ensaio e do que alí se fai.
- Obradoiro APP-music, para a creación de aplicacións para dispositivos móbiles.
- Jam-session para tocar conxuntamente e intercambiar estilos. O 1 de xuño de 2013 celebrouse unha xornada de miniconcertos para amosar o potencial dos músicos da zona e da que se tirou material gráfico para a súa promoción.